logob

Fornos do Castelo

Estamos diante de catro fornos de pan únicos levantados entre medianeiras. Cada un deles aparece constituído por unha cavidade que recibe o nome de capela, que aparece asentada sobre o lar e cuberta por unha cupuliña semiesférica de cachotería levantada mediante aproximación de fiadas. Durante o quecemento e a cocción a boca do forno mantíñase pechada cun portelo de madeira. Cando as pedras do interior se puñan brancas coa calor, os panadeiros sabían que podían enfornar, xa que acadara a temperatura necesaria para cocer. O Catastro do Marqués de la Ensenada de 1753 afirma que na póboa de Monterrei traballan once panadeiros, aínda que só cinco exercen este oficio en exclusiva. Un destes panadeiros era María Feixóo, a única muller de Monterrei con oficio recoñecido.